Máis de 80 persoas foron homenaxeadas pola súa labor neste servizo, ó longo do cuarto de século de funcionamento do mesmo.
Narón, 22 de Novembro de 2011.- O Concello de Narón celebrou hoxe o 25º aniversario da creación do Servizo Sociocomunitario Municipal (que integra as áreas de cultura, servizos sociais, formación e emprego, igualdade, mocidade, participación cidadá, e ensino) cun emotivo acto celebrado no Café-Teatro do Pazo da Cultura.
No mesmo, foron entregados os diplomas acreditativos ás máis de 80 persoas que participaron na creación e/ou no funcionamento diario do Servizo Sociocomunitario. O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, destacou a enorme proxección dun servizo destas características, pioneiro na prestación de servizos ás persoas e recoñecido en toda Galicia.
Na actualidade, a plantilla do Servizo Sociocomunitario Municipal (situado físicamente no 1º andar do Concello) está formada por máis de 20 persoas e conta cun orzamento superior ós 7 millóns de euros, destinados a ofrecer servizos básicos coma a axuda a domicilio, e programas de todo tipo, dada a transversalidade do mesmo.