Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A NARONESA BÁRBARA GRANDAL DE ROSENDE, NOMEADA MULLER DO ANO 2024
O salón de plenos do Concello acolleu esta tarde o acto institucional do 8 de marzo, Día Internacional da Muller
Narón, 8 de marzo de 2024. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta tarde o acto institucional organizado polo Concello con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Tal e como se acordou a través dunha declaración institucional no pleno celebrado o pasado mes de febreiro, a naronesa Bárbara Grandal de Rosende, referente do fútbol feminino na comarca e integrante da Sociedade Deportiva O Val, é oficialmente a Muller do Ano de Narón 2024. Nacida na parroquia de Pedroso e actualmente residente no barrio de Xuvia, Bárbara Grandal comezou a traballar de moi nova na Cociña Económica, compaxinando este traballo con outras actividades para completar a súa formación académica. Incorporouse hai 17 anos como administrativa á Sociedade Deportiva O Val, club local do que continúa formando parte e no que se encarga actualmente das tarefas da secretaría e onde tamén exerce como responsable da sección de fútbol feminino, con tres categorías na actualidade. Así mesmo, a homenaxeada é a representante do club na Asemblea Federación Galega de Fútbol. En xuño do ano pasado participou en Belgrado nunhas xornadas europeas do proxecto “Womad”, contra a discriminación e pola Igualdade no fútbol. A súa paixón polo fútbol contaxioulla á súa filla de 15 anos que dende moi nova xoga nas diferentes categorías da S.D. O Val. Bárbara chegou ao Concello esta tarde acompañada por persoal da directiva da S.D. O Val para asistir a unha reunión, que finalmente pasou a ser unha homenaxe na que tamén estivo acompañada por algúns familiares e amizades no salón de plenos do Concello. Alí a recibiron a alcaldesa, a edil de Igualdade, María Lorenzo, o edil de Deportes, Ibán Santalla, o voceiro adxunto de TEGA, Pablo Mauriz, e os voceiros do PP, Germán Castrillon; BNG, Olaia Ledo, e PSOE, Silvia de Arriba. Marián Ferreiro deu a benvida ás persoas que acudiron á convocatoria e, a continuación leu a declaración institucional na que se recoñece a Bárbara Grandal como Muller do Ano 2024. “Non só nós sabemos da túa dedicación ao mundo do fútbol feminino, no que xogas dende hai moitísimos anos un papel fundamental. Cónstanos, e a min en primeira persoa, que eres un exemplo a seguir, unha persoa moi traballadora, sempre atenta e cun sorriso na cara, e un gran referente para moitas persoas”, recalcou Ferreiro. A continuación, a rexedora local deu paso a un vídeo no que se repasou esa traxectoria persoal e profesional de Bárbara, con numerosas mensaxes de persoal vencellado á S.D. O Val e familiares e amizades. A homenaxeada agradeceu o recoñecemento e tamén a asistencia de todas as persoas que a acompañaron no acto de hoxe. Amosou a súa sorpresa polo feito de que nin a súa parella nin a súa filla lle avanzaran que ía recibir esta homenaxe que lle chega nun momento da súa vida a modo “reconfortante”, asegurou emocionada. Como agasallo, a maiores dunha figura de “Anduriña”, do escultor Manuel Patinha, recibiu dúas entradas para a Cea das Mulleres que se celebrará o vindeiro 15 de marzo no restaurante Casa Becerra. Con motivo do 8 de marzo o Concello iluminará tamén esta noite de cor malva a fachada do Pazo da Cultura, da Casa da Cultura, do antigo Concello de Xuvia e a glorieta de Freixeiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal